Debes estar rexistrado/a na plataforma Prestogal para acceder a esta sección

PERSOAS

Deberán seleccionar na plataforma a asociación á que pertencen e solicitar a alta cumprimentando a ficha de solicitude de adhesión como usuario/a.

Esta ficha chegará á asociación correspondente, dende onde se deberá validar e xestionar a nova alta enviando as claves de acceso á plataforma. A partir dese momento a persoa será usuaria do Prestogal e poderá subir os recursos que está disposta a compartir ou ceder, así como buscar aqueles que necesita. Para subir un recurso á plataforma será necesario achegar unha pequena descrición do mesmo, as observacións que se consideren e unha foto onde se poida ver o estado real do recurso.

A busca de recursos pode facerse a través das distintas categorías e, no caso de que non se atope o que se está a buscar, tamén se pode facer unha petición a través da plataforma e esperar a que alguén responda.

Un sistema de mensaxaría interna facilitará o contacto entre a persoa prestamista e a prestameira para acordar o tempo de duración do préstamo, así como a hora e o sitio onde quedar, que pode ser nun punto acordado entre as persoas, ou nalgún dos puntos de encontro Prestogal propostos pola asociación.

Despois dun préstamo, a persoa prestamista deberá puntuar á prestameira, en función do grao de cumprimento dos prazos, do estado no que devolve o recurso e calquera outro aspecto que se decida valorar positiva ou negativamente.

Na pantalla principal da plataforma verase unha lista dos últimos recursos subidos, os máis prestados e as persoas mellor valoradas.

ASOCIACIÓNS

Deberán solicitar a alta na plataforma cumprimentando a ficha de solicitude de adhesión como asociación.

Esta ficha chegará ao concello, que deberá dar resposta á asociación para concretar un día para a celebración dunha xornada formativa coas persoas representantes ou integrantes da asociación, sobre as condicións e requisitos de acceso e o manexo da plataforma. Nesta xornada daríase de alta a asociación no Prestogal.

Cada asociación contará cunha persoa responsable ou titular do Prestogal, que terá como principais tarefas a de velar polo bo funcionamento da plataforma, así como recibir e validar as altas das persoas que soliciten adhesión.

As asociacións veciñais poderán dar acceso a outras asociacións ou colectivos do barrio, sendo a asociación veciñal a responsable de velar polo bo uso que estes colectivos poidan facer do Prestogal e xerar as altas das novas persoas usuarias.

O Prestogal, ademais de permitir o préstamo de recursos entre persoas, tamén permitirá xestionar o préstamo entre asociacións para aqueles recursos que se teñan en propiedade e se decidan subir á plataforma para poñer a disposición doutras asociacións.

Cada asociación seleccionará un ou varios puntos Prestogal:

  • Os Puntos de Encontro, que serán establecementos hostaleiros do barrio onde quedar para realizar fisicamente os préstamos. Estes espazos estarán identificados cun distintivo na porta, o que contribuirá a visibilizar o Prestogal e dinamizar a hostalería do barrio.
  • Os Puntos de Información Prestogal, que serán comercios ou outro tipo de empresas onde poder atopar información sobre o proxecto, así como as fichas de adhesión á asociación do barrio en caso necesario.